Friday 10 de May de 2024

Trinta familias participaron nas XII Xornadas de Portas Abertas da escola infantil municipal de Brión


A iniciativa estreita a conexión entre a gardería e a familia, permitindo que os pais coñezan o día a día do seu pequeno

Un total de trinta familias con nenos e nenas na escola infantil municipal de Brión participaron durante esta semana nas Xornadas de Portas Abertas, que este ano chegaron á duodécima edición. Unhas xornadas nas que os pais teñen a oportunidade de estreitar a súa conexión coa gardería e cos seus mestres, xa que “durante ese tempo participan activamente nas actividades que organizamos. Houbo obradoiros de cociña, sesión de contacontos, manualidades…”, explica Dolores Campos, directora da gardería municipal.

Unhas colaboracións que teñen unha duración media dunha hora, tempo no que os pais e nais participan das actividades cotiás da gardería e poden aproveitar para compartir experiencias ou resolver dúbidas cos mestres dos seus pequenos. A próxima actividade aberta ás familias será a Semana da Música, que terá lugar do 4 ao 8 de abril, e na que familiares dos pequenos ofrecerán pequenos concertos que servirán para presentar distintos instrumentos. “Sempre buscamos que as cancións que toquen sexan coñecidas polos nenos, pois así están máis atentos e disfrutan máis da actividade”, sinala Dolores Campos.